Sunday 05 de May de 2024

A Xunta entrégalle a Protección Civil de Lousame un remolque totalmente equipado con material de emerxencias


 

O tenente de alcaldesa, Ramón Martínez, recolleu un material que “servirá para mellorar a atención en emerxencias no concello de Lousame”

O tenente de alcaldesa de Lousame, Ramón Martínez, recolleu un remolque totalmente equipado con material de emerxencias para a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Lousame, de man do director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro. Un acto celebrado esta mañá en Vedra e no que se entregaron cinco vehículos pick-up (Cedeira, Carnota, Zas, Carral e Vedra) e sete remolques (Ames, A Pobra do Caramiñal, Cee, Culleredo, Lousame, Oroso e Paderne).

Un remolque que conta para as súas funcións cun equipamento que inclúe unha electrobomba sumerxible, unha motobomba para augas residuais, xeradores de electricidade portátil, motoserra, rozadora, torre de iluminación e kit de balizamento e sinalización. “Un equipamento moi completo que servirá para mellorar a atención en emerxencias no concello de Lousame”, asegura Ramón Martínez, quen agradeceu a colaboración da Xunta, que anteriormente entregara un vehículo pick-up á agrupación lousamiá.

A colaboración entre a Xunta e os concellos en materia de protección civil e emerxencias permite dotar aos membros dos servizos municipais dun equipamento adecuado para realizar o seu traballo nas mellores condicións e, desta forma, prestar unha atención máis eficaz e garantir a seguridade da cidadanía.

A entrega de hoxe dá continuidade á folla de ruta iniciada para mellorar a calidade de resposta e a seguridade nas actuacións de prevención de riscos e nas intervencións en emerxencias en calquera punto da comunidade galega mediante a dotación de máis material e equipamento ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil e aos Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES). O Goberno galego tamén mantén a aposta pola formación actualizada no eido das emerxencias que se imparte de forma centralizada desde a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).